A dos festivos: unha consulta precaria para agochar o enésimo despiste do Goberno Municipal

“Cando se van fixar os festivos locais do ano 2019?” Esta foi unha das cuestións formuladas polo noso grupo na quenda de Rogos e Preguntas da sesión ordinaria do pleno do pasado xoves 4 de outubro. A nosa concelleira, Saleta Fernández, preguntáballo ao alcalde sabendo que o que vén sendo habitual en anos anteriores é que se fixe no penúltimo pleno do ano, o correspondente en Cuntis ao mes de setembro.

A pregunta xerou sorpresa pois, pola reacción, resulta evidente que ninguén do Grupo de Goberno se lembrou de incluír este asunto na orde do día do pleno. Pode apreciarse no vídeo, no que o Alcalde resolve a cuestión recoñecendo que ese asunto terá que ser tratado nun pleno extraordinario.

O caso semellaba non ir máis alá do enésimo despiste do Bipartito de Cuntis que resolvería cun custe para as arcas municipais de 330 € (cantidade que sae da asistencia dos once membros da Corporación a razón de 30 euros cada un/ha en concepto de asistencia). A sorpresa chegou cando, só uns días despois, algún medio de comunicación recollía a intención do Grupo de Goberno de organizar unha consulta veciñal para decidir cales serán os días festivos a propoñerlle ao Pleno. Evidentemente neste anuncio omítese que esta decisión chega despois do esquecemento a respecto deste asunto, e que o simulacro de votación se desenvolvería nunhas condicións igual de precarias que en anos anteriores.

Logo de que tanto BNG como PSOE declinar o apoio á nosa moción para elaborar un regulamento de participación veciñal, o goberno bipartito pretende exhibir unha aposta pola participación tan pouco consistente como obvias son as súas limitacións. Así, unha votación organizada dende o concello de Cuntis e carente das máis mínimas garantías e sen unha difusión básica preséntase como unha convicción democrática do Grupo de Goberno. Agardamos que, cando menos, no pleno extraordinario que se convocará aos efectos de fixar os festivos locais de 2019, os responsables municipais presentes os datos de participación deste simulacro.

Share

Tamén pode gustarche...